Revexetación do campus de Vigo

O campus de Vigo, no lugar das Lagoas-Marcosende (parroquia de Zamáns), está situado a uns 15 km da cidade de Vigo entre cotas de altitude de 370-480 m sobre o nivel do mar. Na actualidade constitúe un amplo espazo natural cunha superficie de 136 ha, con orientación na maioría sur (150º-240º N), das que case un 60% (unhas 80 ha) está formado por arborado de gran tamaño, un 20% de zona verde con algún arborado pequeno, 1% de láminas de auga e 19% de superficie urbanizada e infraestruturas.


A xestión, conservación e protección dos espazos verdes recae na Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo, que traballa estreitamente coa Unidade de Xardinería e Mantemento de Zonas Verdes, nun labor de mantemento constante ó longo do tempo (plantacións, roza, sega, corta, poda, despedregado, limpeza, aviveirado…) planificado en función da climatoloxía e do estado vexetativo das distintas zonas. Todo o persoal está amplamente cualificado para recoñecer as especies coas que traballa e atender as directrices ambientais trazadas pola OMA durante estes anos (tanto para conservación de especies autóctonas como para erradicación de especies invasoras).

A posta en valor dos bosques no campus vai máis alá do meramente forestal, contemplando a importancia e significación do:

• valor protector do solo: establecer unha cuberta vexetal que evite a perda de solo por erosión e manteña os niveis freáticos

• creación e restauración de hábitats: protexendo e aumentando a superficie ocupada por vexetación natural

• valor da atmosfera: purificación do aire

• valor da biodiversidade: interrelacións ecolóxicas entre tódolos seres vivos

• valor social: recreativo, paisaxístico, cultural, deportivo...

• valor económico: madeira, cogumelos (capelos de sapo), froitos, bagas, ...

• valor gandeiro/pastoreo: en colaboración coas aldeas circundantes de Vilariño e Marcosende

• valor docente: formar os alumnos no coñecemento dos hábitats que aquí se desenvolven

• valor educativo: difundir, concienciar e sensibilizar a sociedade nas distintas peculiaridades e atributos destes hábitats


A evolución histórica dos terreos do campus en anos precedentes pon de manifesto como antes do ano 1950 a maioría da superficie de monte estaba sen explotar, e nela abondaban as brañas (de aí o topónimo "As Lagoas") rodeadas por pequenas masas de bosque e leiras das aldeas circundantes. Xa dende os anos 1960 ata os 1980 aumentaron considerablemente as masas forestais de plantacións de piñeiro, masas que sufriron dous grandes episodios de alteración da súa cuberta vexetal:

• O primeiro deles foi a partir de 1994 coa corta a matarrasa dos piñeiros (Pinus pinaster) que ocupaban a meirande parte da superficie, como consecuencia da ampliación do campus e construción da maioría dos centros que existen na actualidade. As expropiacións supuxeron que os veciños antes de cederen os terreos cortasen o arborado que posuían para obteren un maior rendemento económico coa madeira.

• Posteriormente, a partir do ano 2000, coa construción do anel perimetral do vial de circunvalación e amplas zonas de estacionamentos para os centros, o terreo foi nivelado con maquinaria pesada, o que supuxo enormes movementos de terras, que ademais de destruíren a cuberta vexetal de mato e herbáceas, provocou profundas alteracións nos perfís edáficos.


Isto afectaría á:

perda e alteración da cuberta vexetal

compactación do solo

erosión

asome da terra mineral

impactos sobre os ecosistemas

perda e exposición de hábitats naturais

perda de regulación térmica debido á desaparición arbórea

escorrentía sobre os terreos e falta de penetración e acumulación da auga da chuvia nos acuíferos (nivel freático)

proliferación de especies herbáceas e arbóreas invasoras ou inadecuadas


Para corrixir esta situación, deseñouse no ano 2000 un plan de revexetación do campus que tratase de compensar estes impactos.
Os obxectivos deste plan foron:

Aumenta-la cuberta da vexetación autóctona

Conserva-la diversidade de hábitats naturais

Crear paisaxe variada e atractiva visualmente

Diminuí-la perda de solo por erosión

Protexe-los recursos hídricos: lagoas, estanques, regatos, mananciais (minas de auga), augas subterráneas...

• Conforma-lo campus como espazo recreativo de lecer e sensibilización ambiental


Para isto a OMA marcou as seguintes directrices:

Conservar, recuperar e ampliar hábitats naturais semellantes ós orixinais

Transplantar arborado aproveitado de zonas afectadas por obras

Repor as marras (aqueles individuos que non saísen adiante)

Evitar elementos artificiais, liñas rectas, patróns regulares ou xeométricos

• Manter zonas protexidas que sirvan como reservorios e acubillo para a fauna e a flora e mitiguen o impacto paisaxístico

• Propor actuacións flexibles, adaptativas e pouco intrusivas

• Mante-la conexión funcional do campus co medio circundante

• Deseñar sendas e carteis informativos


O plan de revexetación do campus incrementou a superficie ocupada por distintos hábitats forestais autóctonos, entre os que destacan:

carballeiras meridionais

devesas de montaña

bosques húmidos de ribeira e zonas inundables

sobreirais de zonas temperadas de solaina

soutos seminaturais

mato/matogueiras heliófitas

pradarías (pastizais) de herbáceas autóctonas en zonas húmidas con colonización natural


A localización das distintas plantacións fíxose en función de dúas variables principais: orientación (sur predominante) e altitude (370-470 m s. n. m.), que determinan valores de temperatura, humidade e luminosidade. Para isto seguíronse gráficas de distribución de especies segundo estes parámetros, consultadas en distintas bibliografías. Atendeuse tamén ó tipo de solo en relación coa súa composición, a súa textura e compactación, o tipo e cantidade de nutrientes, etc.

A distribución e posición dos individuos elixiuse de xeito aleatorio, tentando cubrir unha densidade media dunhas 300 árbores/ha.

Entre as especies que principalmente se plantaron atópanse:

carballos (Quercus robur)

cerquiños, rebolos (Quercus pyrenaica)

espiños brancos, escambróns, estripeiros (Crataegus monogyna)

pradairos (Acer pseudoplatanus)

abelairas, abeleiras, abrairas (Corylus avellana)

bidueiros, bidos (Betula alba)

ameneiros, amieiros (Alnus glutinosa)

freixos, freixas (Fraxinus excelsiorr)

érbedos, albedros (Arbutus unedo)

capudres, cancereixos, surbias (Sorbus aucuparia)

sobreiras, corticeiros (Quercus suber)

castiñeiros, castiros (Castanea sativa)

lamagueiros, lamigueiros (Populus nigra)

cerdeiras (Prunus avium)

sabugueiros, bieiteiros (Sambucus nigra)

loureiros (Laurus nobilis)

acivros, xardóns (Ilex aquifolium)

teixos (Taxus baccata)

faias (Fagus sylvatica)

• etc.


Protexéronse e puxéronse en valor amplas zonas arbustivas e de matogueira:

toxos (Ulex spp.)

xestas (Cytisus spp.)

piornos (Genista spp.)

carqueixas (Genista tridentata)

codesos (Adenocarpus complicatus)

breixos, uces (das brañas...), urces, carrascas, carrouchas, carrameixas (Erica spp.)

carrascos, carrouchas de tres follas (Erica cinerea)

carrasca branca (Erica vagans)

queirogas, queiroas (Calluna vulgaris)

tamborelas, queiroga maior (Daboecia spp.)

estebas, estepas, xaras (Cistus spp.)

carpazas, carqueixas boieiras (Halimium spp.)

buxos (Buxus semperviren)

abruñeiros (Prunus spinosa)

brións, musgos e liques (vexetación rupícola)

couselos, capelos, conchelos, puchos do sapo, cróqueis do valado (Umbilicus rupestris) (vexetación rupícola)

barbas de raposo (Cuscuta epithymum) (parásita)

• etc.


Aparecen especies de zonas abertas e de sotobosque:

sanguiños (Frangula alnus)

sangomiños (Cornus sanguinea)

pereiras bravas, catapereiros (Pyrus cordata)

xilbarbeiras, rascacús, azoutacristos (Ruscus aculeatus)

amarelles, narcisos (Narcissus spp.)

quitamerendas, tollemerendas, azafrán silvestre, safrán bravo (Crocus)

careixóns, amorodeiras silvestres, amorodeiras bravas (Fragaria vesca)

abrótegas, asfodelos, gamóns (Asphodelus albus)

canudas, rabos de cabalo (Equisetum telmateia)

xestelas (Equisetum arvense)

paxariña, herba dos pitos, clérigos-boca-abaixo, faroliños, enxertiña (Aquilegia vulgaris)

paxariños, arreitó, routó, calzas de cuco, esporas, galos, herba caralleira, liñaria, pantaloes de cuco (Linaria triornithophora)

hortelás, mentas (Mentha spicata)

xacintos bravos (Hyacinthoides spp.)

violetas bravas, violetas silvestres (Viola riviniana)

cáncaros, panqueixos, primaveras (Primula vulgaris)

herbas das doas, borraxa brava (Glandora diffusa)

pampillos (Chrysanthemum segetum)

cantroxiña, cantroxo rasmono, arzaia, lavanda (Lavandula stoechas)

tomentelo, tomiño (Thymus vulgaris)

orquídeas: lengüeira (Serapias lingua)

orquídea: crista de galo grande (Serapias cordigera)

orquídea: satirión corpudo (Dactylorhiza elata)

orquídea: satirión apincarado (Dactylorhiza maculata)

barbas de vello (liques pendurados de pólas)

• etc.


En zonas húmidas, fluviais e sombrías agroman:

fento común (Pteridium aquilinum)

dentabrús, fentos reais (Osmunda regalis)

fentos machos/femias (Dryopteris filix-mas)

fentas, fentos feros (Blechnum spicant)

fentos das boticas (Asplenium trichomanes)

fentos dos valos, fento das pedras (Polypodium vulgare)

fentos frisados (Trichomanes speciosum)

cabriña (Davallia canariensis)

espadainas, espadanas (Typha latifolia)

lirios de auga (amarelo, azul) (Iris pseudacorus)

xuncos (Juncus spp.)

• etc.


Vexetación que protexe as beiras da erosión, regula o caudal e posúe carácter depurativo ao controlar a contaminación e decantación das augas, asemade que permite unha regulación térmica (zona sombría caducifolia nos meses estivais, que durante o inverno permite o paso da radiación solar) e desempeña unha función de protección da fauna que se refuxia e nidifica entre a vexetación riparia/ripícola (de ribeira).


En zonas empobrecidas de colonización incipiente:

estrugas, ortigas (Urtica spp.)

estruga morta, urtiga mansa, catamel, zugamel (Lamium maculatum)

silvas (Rubus fruticosus)

bigordas, herba salgueira, cabrifollos, madreselvas, chuchameles (Lonicera periclymenum)

fiúnchos, fiollos (Foeniculum vulgare)

abelurias, estralotes, estraloques, trochas, dedaleiras (Digitalis purpurea)

cardos

areiras, hedras, trepadeiras (Hedera helix)

viboreiras (Echium vulgare)

fentos comúns, felgos, fieitos

• etc.


En zonas próximas a edificios tamén se plantaron outras especies, algunhas ornamentais e froiteiras tradicionais:

acereiros, loureiros portugueses (Prunus lusitanica)

alfaneiros, aligustres (Ligustrum lucidum)

mostallos, rañotes, sorbeiras silvestres ou brancas (Sorbus aria)

sorbeira de Suecia (Sorbus intermedia)

cerdeiras de acio, paugurgorios (Prunus padus)

ulmeiros, umeiros, ulmos, olmos (Ulmus spp.)

piñeiros mansos (Pinus pinea)

piñeiros rubios (Pinus sylvestris)

xenebreiros, xinebros, cimbros, rastreiros (Juniperus communiss)

lárices, larizos, alerces (Larix spp.)

liquidámbares (Liquidambar styraciflua)

tilleiros, tileiros, tilos (Tilia spp.)

acerolos (Crataegus laevigata)

cerdeiras (Prunus avium)

limoeiros (Citrus limon)

figueiras (Ficus carica)

noceiras, nogueiras, croucheiras (Juglans regia)

maceiras (Malus domestica)

pexegueiros (Prunus persica)

ameixeiras (Prunus domestica)

pereiras (Pyrus communis)

• etc.


Deuse especial atención a especies con froitos que serven de alimento e son difundidas como sementes pola avifauna (caso das landras polos gaios/pegas-marzas) e outros animais.

A distribución de hábitats no campus dende o ano 2006 amósase nas seguintes imaxes:



Entre as medidas correctoras principais que se desenvolveron no campus dentro do plan de revexetación, están:

Transplante de arborado dende zonas afectadas por infraestruturas a zonas protexidas

Aviveirado provisional de arborado transplantado ou de nova compra

• Transplante de tepes de herba dende zonas afectadas por infraestruturas

Sementeira como reforzo nas novas plantacións

• Restauración de noiros e entulleiras con especies espontáneas: salgueiros, estripeiros...

• Creación de zonas de reserva: rodais/parcelas sen rozar ou con escaso tratamento silvícola, para que sirvan como reservorio de sementes e propágulos, alimento e acubillo para fauna, zonas de cría, etc.

Apantallamentos de sebe: paisaxístico, sonoro, separación anti-atropelos, refuxio, alimentación, cría

• Deseño de estacionamentos "verdes" con solos permeables e herbáceos e arborado autóctono

• Construción de estanques de retención de escorrentías (fitorremediación, decantación de partículas en suspensión)

• Construción de herpeto-refuxios aproveitando o despedregado dos terreos (tamén serven de bolardos ou como asentos)

• Colocación de caixas-niño e comedeiros para favorecer a proliferación de avifauna en zonas de nova creación

• Construción de pasos para fauna acuática e terrestre como interconexión de hábitats fragmentados por infraestruturas e viais

• Erradicación de flora invasora:

Enténdese por especie invasora aquela que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de xeito intencionado ou accidental, e que supón un perigo para a diversidade biolóxica orixinal; constitúe un factor que ameaza os ecosistemas orixinais e a supervivencia das especies autóctonas [Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio – Xunta de Galicia].
A lei de Conservación obriga a "evitar a introdución e proliferación de especies, subespecies ou razas xeográficas distintas das autóctonas, na medida que poidan competir con estas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos".


- acacia (Acacia melanoxylon)

- mimosa (Acacia dealbata)

- eucalipto (Eucaliptus spp.) [Dictame Comité Científico Flora y Fauna Silvestres - MAPAMA 2017]

- falsa acacia (Robina Pseudoacacia)

- árbore do ceo, ailanto (Ailanthus altissima)

- loureiro romano (Prunus laurocerasus)

- cortaderia, plumeiro, carrizo , herba da Pampa (Cortaderia selloana)

- canaveira, cana (Arundo donax)

- canizo, canibela, zisca, carriza (Phragmites australis)

- onagra, herba do asno (Oenothera glazioviana)

- margarida africana (Arctotheca calendula)

- herba do Himalaia (Persicaria capitata)

- herba tintureira (Phytolacca americana)

- cala de Etiopía, flor do xerro (Zantedeschia aethiopica)

- glicinia (Wisteria sinensis)

- acedeira amarela, matapán, agre, vinagreta (Oxalis pes-capraea)

- eixerón (Conyza canadensis)

- xunca olorosa, papiro americano (Cyperus eragrostis)

- gramón (Stenotaphrum secundatuma)

- orella de gato (Tradescantia fluminensis)

- chaga, capuchina (Tropaeolum majus)

- corriola azul (Ipomea indica)

- dixitaria, pasto chato (Paspalum dilatatum)

- pervinca, cangroia, herba da envexa (Vinca difformis)

- gladiolo bravo (Crocosmia × crocosmiiflora)

- estramonio, figueira tola, figueira do inferno, herba do demo, herba do gurgullo (Datura stramonium)

- etc.


Trátase de favorece-las especies autóctonas e os espazos vexetais singulares, en especial as fragas de árbores frondosas, e a conservación de zonas húmidas. Promóvese un modelo de "bosque" con biodiversidade natural que resulte nunha paisaxe en mosaico descontinuo.

Evítanse as densas e extensas repoboacións e plantacións en masa de "montes" con cultivos forestais monoespecíficos, homoxéneos e sen variedade, tanto de especies das que non procede a súa presenza debido ó hábitat no que se desenvolven (p. ex. extensas plantacións de piñeiros), como de especies foráneas exóticas ou invasoras e oportunistas de elevada proliferación (p. ex. eucaliptos, acacias e mimosas, que en caso de existiren deben separarse regulamentariamente de vivendas, instalacións e infraestruturas). Estas minguan a biodiversidade local e deterioran os ecosistemas e a paisaxe e, moitas veces, ao tratarse de especies pirófilas/pirófitas, favorecen os incendios forestais.

Especies vexetais plantadas

Os exemplares plantados son especies de árbores e arbustos propias da vexetación natural de Galicia (autóctonas). Certas especies que compren este criterio e que ademais forman parte da flora autóctona do suroeste de Pontevedra non aparecen recollidas directamente na revexetación porque, ou ben son relativamente abundantes no campus, ou ben colonizan espontaneamente hábitats axeitados con facilidade. Entre elas podemos citar o sanguiño (Frangula alnus), a pereira brava (Pyrus spp.) ou os salgueiros (p.e.: Salix atrocinerea e Salix alba) e vimbios (Salix viminalis). O mesmo se pode dicir de moitas especies de matogueira, coma os toxos (Ulex spp.), uces (Erica spp.) ou xestas (Cytisus spp.).

En definitiva, as especies de árbores e arbustos empregadas son:

Nome científico

Nome común galego

Nome común castelán

Acer pseudoplatanus

Pradairo

Falso plátano

Alnus glutinosa

Amieiro / Ameneiro

Aliso

Arbutus unedo

Érbedo / Albedro / Moroteiro

Madroño

Betula alba

Bidueiro / Bido

Abedul

Castanea sativa

Castiñeiro

Castaño

Corylus avellana

Abeleira / Abelaira / Abraira

Avellano

Crataegus monogyna

Espiño branco / Estripeiro

Majuelo / Espino albar

Fagus sylvatica

Faia

Haya

Fraxinus angustifolia

Freixa

Fresno

Fraxinus excelsior

Freixo

Fresno común

Ilex aquifolium

Acivro / Xardón

Acebo

Laurus nobilis

Loureiro

Laurel

Populus nigra

Lamagueiro

Chopo negro

Prunus avium

Cerdeira

Cerezo

Prunus padus

Cerdeira de acio / Paugurgorio

Cerezo de racimos / Cerisuela

Prunus spinosa

Abruñeiro / Ameixeira brava

Endrino

Quercus ilex

Aciñeira / Enciño

Encina

Quercus pyrenaica

Cerquiño / Rebolo

Rebollo / Roble melojo

Quercus robur

Carballo

Roble carballo

Quercus suber

Sobreira / Corticeiro

Alcornoque

Sambucus nigra

Sabugueiro

Saúco

Sorbus aucuparia

Capudre / Cancereixo / Surbia

Serbal de cazadores

Taxus baccata

Teixo

Tejo



O plan de revexetación tamén contempla a creación de pradarías e pastizais e a restauración do estrato basal nas zonas que poidan sufrir ou teñan sufrido alteracións que provoquen unha diminución da cobertura de herbáceas. Neste caso, preténdese facilitar a colonización natural deste grupo de plantas, sementando especies propias dos prados cultivados do campus para procurar o asentamento de herbazais nos que poidan proliferar herbáceas silvestres. Concretamente, empregouse trevo rubio (Trifolium pratense), herba de Vigo (Lolium perenne), poa (Poa annua) e centeo (Secale cereale). Procurouse enriquecer esta mestura básica coas seguintes especies: Arrhenatherum elatius, Dactylis glomerata, Holcus mollis, Agrostis spp., Anthoxantum odoratum, Avena sativa, Trifolium repens e Lotus corniculatus.