Estrada Sur de Circunvalación
do campus das Lagoas-Marcosende (Vigo)

Esta estrada forma parte do anel de circunvalación do campus das Lagoas-Marcosende.

As medidas correctoras elaboradas pola OMA (Oficina de Medio Ambiente da UVigo) foron as seguintes:

Transplante de árbores caducifolias

Transplantáronse a dúas parcelas do propio campus e a dúas minas de auga 867 árbores autóctonas afectadas polo trazado da estrada de circunvalación.

Transplante de prados húmidos

Nestes prados existen especies vexetais de interese, como os amarelles (Narcissus cyclamineus). Retiráronse 500 m2 destes prados para seren incorporados en proxectos de restauración. Conservouse a estrutura, o banco de sementes e os órganos vexetativos (bulbos, rizomas, etc.).

Paso para anfibios

A estrada de circunvalación interrompía o paso de anfibios cara á lagoa da Facultade de Humanidades (entre Filoloxía e Deportes). Esta lagoa é utilizada para o desove por individuos dunha zona moi ampla. O paso permite o tránsito destes animais baixo a estrada.

Protección de regatos e as súas beiras

Incorporouse ó proxecto un paso sobre piares no regato que baixa da lagoa de Ciencias, e unha tubaxe de gran diámetro no rego que baixa dende a aldea de Vilariño. O motivo destas obras foi protexer estes ecosistemas, especialmente valiosos, asegurando ademais que cumpran a función de corredores naturais que comunican o campus co medio circundante (tanto para as persoas como para o resto de seres vivos).

Reserva e relocalización dos penedos

Para non perder este tipo de elementos singulares, procedeuse á reserva deste material, amoreándoo nunha zona adecuada e acoutada para a súa posterior relocalización, ou ben trasladalo de inmediato á localización definitiva que se elixa.

Protección da estación meteorolóxica

Negociouse cos responsables destas estacións afectadas polo trazado da estrada para a súa recolocación, conseguindo ademais que se sumen esforzos, evitando duplicación na obtención de datos.