Mortalidade de sapos


A incidencia das infraestruturas do campus sobre a fauna está a adquirir progresivamente unha maior relevancia. Ademais da destrución directa do hábitat cabe menciona-la mortalidade directa, é dicir, os atropelos nas estradas e a colisión de aves contra as cristaleiras dos edificios e das pasarelas que os unen.

Sen dúbida a especie mais afectada polo vial de circunvalación do campus é o sapo común, pertencente á subespecie Bufo bufo spinosus (Daudin, 1803) (Galán Fernandez, 1993). Na Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) existe unha lagoa á que acoden tódolos anos centos de sapos a reproducirense. Trala construción do vial de circunvalación estes animais son atropelados masivamente, tanto na migración dos adultos cara á lagoa para realizar a posta (febreiro-marzo), como posteriormente na dispersión de xuvenís (maio-xuño).  


Adultos atopados atropelados

Ano

2002

2003

2004

2005 2006 2007 2008

individuos (nº)

634

195

124

466 803 473 395
 

A partires do ano 2003, como medida correctora para diminuír o impacto do vial de circunvalación sobre a poboación de sapo común, a OMA optou pola instalación de trampas temporais para a captura dos individuos adultos durante a migración reprodutora cara á lagoa da FFT.

As trampas consisten nunha malla lixeira de plástico (tipo malla de 'rafia de' sombreo) de varias decenas de metros, que se dispón paralelamente ó vial procurando interceptar as rutas que concentran a migración dos sapos. A malla ten unha altura duns 30 cm, está fixada ó chan mediante terra e mantense erguida mediante varas de aceiro instaladas cada metro e medio. Ao longo dela, cada 6-8 m, colócanse uns caldeiros soterrados a ras do chan; en cuxo interior unhas pedras serven de refuxio ós sapos que poidan caer.

Ao atoparse coa barreira formada pola malla, os sapos tenden a desprazarse por ela. Dese xeito, caen nos caldeiros. Mentres permanecen instaladas, as trampas revísanse tódolos días a primeira hora da mañá, xa que nesta especie a migración reprodutora é fundamentalmente nocturna. Finalmente os sapos capturados son trasladados polos biólogos da OMA ata a lagoa de Humanidades para que poian realizar a posta.

Ademais, na época de dispersión dos xuvenís, estes recóllense manualmente na lagoa e sóltanse na outra beira do vial.

En xaneiro de 2007 a OMA instalou de novo as trampas para evitar o atropelo de sapos na circunvalación do campus. Ese ano colocáronse 16 caldeiros repartidos ao longo de 3 barreiras, cun total de 190 m de lonxitude.

Adultos recollidos en trampas  

ANO

2003

2004

2005 2006 2007 2008

Individuos (nº)

4

100

222 790 651 633

Xuvenís recollidos na lagoa  

Ano

2003

2004

2005 2006 2007 2008

Individuos (nº)

5.934

4.589

17.380 20.964 9.640 4390

 

 

En xaneiro de 2006 a OMA editou o documental

'Vida de Sapo' no que se relatan estes feitos.

 

 


  Lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución

Adulto atropelado no vial de circunvalación

Barreira instalada pola OMA

  Adultos capturados nun caldeiro/capacho

  Solta de adultos na lagoa

  Parella de adultos na lagoa, durante a aperta de apareamento (amplexus axilar)