UNIVERSIDADE

 
 

Miércoles 27 de Marzo de 2002

   
 
 
Un estudiante de Vigo crea unha base de datos de aves on-line
FOTO:Correo
Ramón Albes, estudiante de Enxeñería de Minas en Vigo
 
Un estudiante de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, Ramón Alves, realizou a maior base de datos en internet sobre avistamento de aves, a primeira deste tipo no noso país, xa que ningunha iniciativa ata agora permitía a colaboración directa do usuario. Segundo o autor, na actualidade xa existen iniciativas para realizar algo similar a nivel autonómico, pero aínda non hai nada funcionando.
 

      SANTIAGO
C.d.U.


Ramón Alves é estudiante de terceiro ano de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo. Consciente da necesidade existente de contar con formación en novas tecnoloxías en xeral e en internet en particular púxose en contacto con Javier Rodeiro, profesor do Departamento de Informática da Universidade olívica, para manifestarlle que tiña interese en formarse nesta área. Pasou entón a formar parte dun grupo de traballo que colaboraba co mencionado departamento e a súa preocupación por ter formación no coñecemento de novas tecnoloxías converteuse nunha afección.

      O último traballo de Ramón Alves foi a elaboración da base de datos de avistamento de aves para a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, a primeira deste tipo existente no noso país. Podemos atopar páxinas con recompilacións de datos, pero ningunha permite a colaboración directa do usuario. Segundo nos contou Alves, xa existen iniciativas para realizar algo similar a nivel autonómico, pero aínda non hai nada funcionando.

      Javier Rodeiro era quen estaba en contacto coa OMA e ofreceulle a este estudiante a posibilidade de realizar esta páxina para acoller a nova base de datos. Segundo manifesta Alves, "eu non coñezo nada de paxaros, por iso, na OMA me informaron de qué datos querían poñer e eu encargueime de, digámolo así, mecanizalo'' .

      A OMA xa contaba cun sistema de recollida de datos sobre o avistamento de aves por parte dos membros da comunidade universitaria, pero era incómoda. Consistía en que se enviasen as citas (notas) vía correo electrónico para despois incluílas nun listado que non permitía ningún tipo de interacción. Alves realizou unha nova páxina que permite procuras e organización de resultados por distintos criterios ademais de coidar especialmente a parte gráfica.

      Aínda que o proxecto estaba practicamente rematado hai seis meses, houbo que agardar ata o mes pasado para que funcionase a pleno rendemento. Nestas datas o número de visitas vai aumentando pouco a pouco, pero tan só se incorporou un novo avistamento. Ramón Alves agarda que os estudiantes participen e colaboren enviando calquera información relativa ás aves que habitan no campus. Na actualidade xa está colaborando nun novo proxecto, a elaboración dun Catálogo on-line de biodiversidade.