Instrucións para xestionar Residuos Perigosos

Os produtores son responsables dos residuos que xeren, tanto do derivado da segregación incorrecta e almacenaxe inadecuada antes da recollida, como dos contratempos que xurdan por falsidade de datos.

As instrucións básicas que haberá que cumprir para unha correcta manipulación e xestión dos residuos perigosos son as seguintes:

  • Tratar de minimizar os residuos xerados o máximo posible.
  • Doar os residuos sobrantes.
  • Separar os RPs segundo as diferentes tipoloxías.
  • Non mesturar residuos descoñecidos ou incompatibles. En caso de dúbida envasar os residuos por separado.
  • Esterilizar os residuos potencialmente infecciosos antes de envasalos.
  • Recolle-los RPs nos envases homologados subministrados pola empresa adxudicataria do servizo de recollida. Está prohibida a utilización de envases non homologados (botellas de auga, frascos de vidro, etc.).
  • Para evitar accidentes, etiquetar os envases antes de empezar a utilizalos, empregando para isto as etiquetas homologadas proporcionadas pola empresa adxudicataria do servizo de recollida.
  • Encher os envases ata un máximo do 90 % da súa capacidade, para evitar expansións que produzan fugas ou derrames.
  • Pechar hermeticamente os envases unha vez cheos, e mantelos limpos e sen deformacións.
  • Almacenar temporalmente os envases con RPs en zonas especificas e identificadas, fóra das zonas de tránsito e afastadas de fontes de calor (calefaccións, neveiras,etc.). O máis recomendable e dispor de armarios de seguridade con características axeitadas para os residuos que se van almacenar.
  • Na data fixada para a recollida de RPs, un responsable de cada laboratorio entregará á empresa encargada da recollida os envases con RPs, coidando de que estean en perfecto estado e correctamente etiquetados.
  • Calquera circunstancia non contemplada nestas instrucións pode ser consultada na OMA para tentar darlle a solución máis axeitada.