Residuos Perigosos (RPs)

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo é o órgano encargado da xestión dos Residuos Perigosos xerados na Universidade de Vigo. Aínda así, os produtores son responsables dos residuos que xeren, tanto do derivado da segregación incorrecta e almacenaxe inadecuada antes da recollida, como dos contratempos que xurdan por falsidade de datos.

Instrucións para xestionar Residuos Perigosos (RPs)

As instrucións básicas que haberá que cumprir para unha correcta manipulación e xestión dos residuos perigosos son as seguintes:

  • Tratar de minimizar os residuos xerados o máximo posible.
  • Doar os reactivos sobrantes antes de que se convertan nun residuo.
  • Separar os RPs segundo as diferentes tipoloxías.
  • Distinguir e separar "vidro" de "cristal" de laboratorio. Distinguir tamén entre vidro/cristal contaminado do que non o está.
  • Non mesturar residuos descoñecidos ou incompatibles. En caso de dúbida envasar os residuos por separado.
  • Esterilizar os residuos potencialmente infecciosos antes de envasalos.
  • Recolle-los RPs nos envases homologados subministrados pola empresa adxudicataria do servizo de recollida. Está prohibida a utilización de envases non homologados (botellas de auga, frascos de vidro, etc.).
  • Para evitar accidentes, etiquetar os envases antes de empezar a utilizalos, empregando para isto as etiquetas homologadas proporcionadas pola empresa adxudicataria do servizo de recollida.
  • Encher os envases ata un máximo do 90 % da súa capacidade, para evitar expansións que produzan fugas ou derrames.
  • Pechar hermeticamente os envases unha vez cheos, e mantelos limpos e sen deformacións.
  • Almacenar temporalmente os envases con RPs en zonas especificas e identificadas, fóra das zonas de tránsito e afastadas de fontes de calor (calefaccións, neveiras, etc.). O máis recomendable é dispor de armarios de seguridade con características axeitadas para os residuos que se van almacenar.
  • Na data fixada para a recollida de RPs, un responsable de cada laboratorio entregaralle os envases con RPs á empresa encargada da recollida, coidando de que estean en perfecto estado e correctamente etiquetados.
  • Calquera circunstancia non contemplada nestas instrucións pode ser consultada na OMA para tentar darlle a solución máis axeitada.

Enlaces