Depósitos Incontrolados

or desgraza, inda hai xente que realiza prácticas insensatas de vertido e abandono incontrolado de lixo en lugares que cren agochados ou de difícil acceso. Moitas veces é coa intención de tapar fochancas ou irregularidades no terreo que dificultan o paso de vehículos ou peóns. Para isto fan un "asfaltado" con cascallos e entullos/rebos de obra, sobrantes dalgunha operación domiciliaria ou mesmo industrial.

Naturalmente estas accións ilegais son perseguidas pola OMA e pola xustiza, e para isto demandamos a intervención da sección ambiental da Policía Local (Tfno. 092) ou o Seprona da Garda Civil (Tfno. 986 425900).

Nestas imaxes podedes ver os depósitos incontrolados (xaneiro 2011) de fibra de vidro e restos de taller de automóbil no lugar de Fontefría (foto esquerda), e restos de obra na zona da Venda, preto da estrada de San Cosme (foto dereita), no campus das Lagoas-Marcosende de Vigo.

Estas actuacións de depósito incontrolado foron denunciadas (febreiro de 2011) ante o Seprona da Garda Civil e a Policía Autonómica, e localizaron a un dos infractores, obrigándoo a limpar a da zona e restaurar o dano causado na zona de Fontefría (ver a foto seguinte de marzo de 2011, onde aínda se observan pequenos 'restos' de lixo).

Agradecemos enormemente a colaboración e eficacia das autoridades policiais que actuaron na atención da denuncia.

Non dubidedes en poñervos en contacto coas autoridades competentes ante este tipo de 'atentados' contra a natureza.

No seu momento, no campus de Ourense, restaurouse unha pequena lagoa na zona da Lonia, que estaba afectada tarmén por un depósito incontrolado de todo tipo de residuos. Procedeuse á súa limpeza e restauración o Día Mundial do Medio Ambiente, no ano 2001.