Cinceiros Exteriores

Dende a entrada en vigor da "Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco", produciuse un incremento considerable na acumulación de cabichas de cigarros nos exteriores dos centros.

Coa entrada da nova Lei 42/2010, pola que se modifica a anterior, disponse que:

Artig 7. Prohibición de fumar.

Prohíbese fumar, ademais de naqueles lugares ou espazos definidos na normativa das Comunidades Autónomas, en:

d) Centros docentes e formativos, agás nos espazos ao aire libre dos centros universitarios e dos exclusivamente dedicados á formación de adultos, sempre que non sexan accesos inmediatos aos edificios ou beirarrúas circundantes.

Co obxectivo de evitar que as cabichas acaben no pavimento ou nas zonas verdes próximas aos edificios, a OMA optou pola instalación de cinceiros exteriores para a súa recollida. Son cinceiros de seguridade especificamente deseñados para a recollida de cabichas, de xeito que se poden botar prendidas, xa que despois dun tempo apáganse soas. Estes cinceiros están rotulados indicando "SÓ CABICHAS".

A maioría das cabichas están feitas de acetato de celulosa, un plástico que se descompón moi lentamente, e están elaboradas de xeito que acumulen os químicos tóxicos do tabaco. Polo tanto, cando as cabichas chegan ata a auga liberan estas substancias químicas.

Agardamos a colaboración de toda a comunidade universitaria para un correcto uso dos cinceiros, facilitando o traballo dos servizos de limpeza e das empresas encargadas do mantemento de zonas verdes.