Minimización de Consumo e Produción de Residuos Plásticos

Dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) axudámosche a xestionar os residuos.
Nesta páxina podes atopar uns consellos para minimizar o consumo e a produción de residuos plásticos.

Propostas para reducir o consumo de plástico e evitar a produción de residuos plásticos

• Evitar comprar/usar botellas de plástico ou briks e substituílas por vidro ou outro material retornable. Beber auga da billa e non embotellada. Pedir nos establecementos que se sirva en xerra ou vaso auga da billa.

• Fomentar sistemas de depósito, devolución e retorno. Ecodeseño. Prevención de residuos.

Reutilizar envases e optar por envases sen plástico (p. exemplo papel).

• Nas compras empregar carro, cesta ou bolsas reutilizables / levar a túa propia bolsa de tea ou a que che ofreceran no establecemento con anterioridade.

• Canda a compra de froitas e verduras reutilizar as bolsas lixeiras pequenas que che deran antes; hai que conseguir que cando menos estas sexan compostables.

• Esquecerse de usar canudos para sorber bebidas.

• Sorbetes mellor en cucurucho ca en recipientes dun só uso.

• Compra produtos empaquetados/embalados con cartón en lugar de plástico.

• Fomenta a compra a granel sempre que se poida (froitas, verduras, legumes, cereais, pasta, arroz, froitos secos, etc.) e levar o teu propio envase/recipiente.

• Evitar o uso de envoltorios e bandexas plásticas (p. ex.: os ovos mellor en recipientes de cartón).

• Usar friameiras de vidro ou metal.

• Non usar envases monodose nin cápsulas dun só uso non reciclables (p. ex. de café, deterxentes,etc.).

• Evitar os produtos dun só uso (pratos, vasos, cubertos de mesa, barbeadoreas/rasuradoras/depiladoras, etc.).

• Non consumir goma de mascar.

• Non usar film de plástico.

• Usa pinzas de madeira para tender a roupa.

• Os biberóns mellor de vidro.

• Escoller cueiros/compresas de materiais comprometidos coa minimización de impacto no medio ambiente.

• Evitar o uso de cosméticos, sobre todo aqueles con microesferas de plástico; substituílos por aqueles con compoñentes como arxila, cascas de froitos secos, sementes, etc.

• Comprar xoguetes de madeira, tea ou látex e caucho natural; tamén se pode acudir ao mercado de segunda man par evitar envoltorios e embalaxes.

• Usar chisqueiros de metal recargables.

• Existen cepillos de dentes e para o cabelo de bambú ou madeira, con pelos naturais.

• Tamén hai fío dental de fibra natural recuberto con cera de abella (evitar o nylon e o teflón).

• Non usar tixolas con teflón como antiadherente (existen outros produtos substitutivos respectuosos co medio).

• Usar produtos que na súa composición non empreguen nin siliconas nin petróleo nin os seus derivados. Le as etiquetas con atención e escolle aqueles con produtos naturais como por exemplo extractos de plantas.

• Evitar os globos en festas/celebracións e non repartir bolsas de lambetadas; mellor a granel sen envoltorios.

• Optar por tecidos naturais.

• Plásticos de uso agrícola: abordar como atallalos (xestión correcta, segregada e limpa, reciclaxe, compostaxe, biodegradabilidade, substitución por papel en casos como os das malas herbas, etc.).

• Ser proactivo e optimista na túa actitude fronte a esta problemática. Rexeitar o hábito de usar e tirar.

• Esixencia de prescricións/obxectivos ambientais nos concursos de empresas de restauración e catering.

• Participar en actos/campañas de limpeza comunitaria para concienciar. Campañas informativas e de sensibilización para a redución de uso de bolsas de plástico, prevención de residuos, festas e eventos sustentables, concursos e premios (fomenta-la creatividade), ReciclApp, webEuNonOTiro (compra/venda, cambio/troco), etc.

• Limpar, recuperar e rexenerar os espazos degradados e a rexeneración dos solos.


Recollidas na contorna dos campus da universidade e das inmediacións das súas edificacións e infraestruturas poñen de manifesto que se desbotan indiscriminadamente no medio residuos de todo tipo, por mor moitas veces de ciscar obxectos ás cunetas dende os vehículos (sancionable polo Regulamento Xeral de Circulación: art. 4.2 e art. 6; 200 € de multa e 4 ptos. de carné), entre os que aparecen principalmente residuos correspondentes a:


caixetiñas de tabaco (plástico, metal e cartón)

cabichas (co conseguinte risco de incendio e contaminación por mor dos múltiples tóxicos)

envases de plástico (sobre todo botellas e botellíns de auga, refrescos e iogures)

bolsas de plástico

envoltorios de plástico (sobre todo de caramelos, de prebes, etc.)

recipientes e embalaxes de plástico de comida rápida

bandexas e barquetiña de poliestireno ou outros plásticos

cintas de embalar

film de plástico

latas de bebidas

briks

canudos

• restos de compoñentes de vehículos

toalliñas de tecido sintético

• etc.


Campaña (27/08/2018) de recollida de residuos nas cunetas do vial de circunvalación do campus de Vigo.



Unha problemática importante na produción indiscriminada de residuos acontece cando teñen lugar festividades e eventos na universidade que convocan a unha multitude de xente, sobre todo no caso de actos festivos con consumo de bebidas en recipientes traídos de fóra ou comprados nas máquinas expedidoras e lugares de restauración dos campus. Tamén é importante a produción de residuos debido á colocación de panfletos e propaganda nos parabrisas dos coches dos estacionamentos dos campus, que acaban en grande cantidade nas cunetas e sumidoiros.

Está claro que hai que concienciar e modificar o hábito de consumo e a produción de materiais, co fin de minimizar a xeración de residuos, tendendo á reutilización de materiais e separalos para propiciar a súa reciclaxe.