A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo é a encargada de asegurar o correcto mantemento dos espazos protexidos dentro do entorno dos campus universitarios.
O "Plan Especial de Equipamento Docente e Infraestrutura Viaria", que é o documento que recolle as directrices de ordenación e usos do solo no campus, non atende a criterios biolóxicos ou ecolóxicos rigorosos e, polo tanto, non serve como instrumento para asegurar a conservación dos hábitats e das especies. No seguinte plano sinalamos en verde os espazos nos que se atopan os hábitats máis singulares e representativos e nos que se concentra a meirande parte da diversidade biolóxica do campus, os que, en total, suman algo máis do 20% da superficie.
A proposta da OMA é que se lle dea a estes espazos unha figura de protección equiparable á de, por exemplo, Parque Natural.
En definitiva, seremos quen de asegurar aa protección efectiva destes espazos? Ou dito doutro xeito: poderemos convivir con outras especies ou seguiremos extinguíndoas?