Naturalización Estanques Artificiais

Nos campus da Universidade de Vigo existen un total de 7 estanques artificiais e 3 lagoas seminaturais. As lagoas e os seus arredores, aínda que son espazos seminaturalizados de orixe antropoxénica, constitúen algúns dos hábitats de maior valor ecolóxico da universidade. Pola contra, os estanques constitúen elementos totalmente artificiais, pouco integrados no entorno e de menor valor natural, debido principalmente os materiais cos que foron construídos (formigón, PVC, etc) e á ausenza de vexetación natural propia dos hábitats acuáticos. Sen embargo, o feito de atoparse nas zona mais urbanizadas dos campus xunto ca presenza continua de auga durante todo o ano, confírelles os estanques un elevado potencial ecolóxico, paisaxístico e educativo.

Dende o ano 2005 a OMA está a desenvolver un "Programa de Naturalización dos Estanques Artificiais", cos seguintes obxectivos xerais:

  • Mellorar a paisaxe e integrar estes espazos no entorno.
  • Reducir o impacto visual que supoñen estas estruturas artificiais.
  • Mellorar o hábitat (calidade da auga, etc) e crear refuxios para a fauna asociada a estes espazos (macroinvertebrados, anfibios, réptiles, aves, etc.).
  • Aumentar a diversidade biolóxica.
  • Aumentar as posibilidades educativas, por exemplo, como espazos representativos da fauna e flora características dos hábitats acuáticos.

Nos traballos de naturalización empregáronse plantas acúaticas propias dos hábitats naturais de Galicia, tales como Phragmites australis (carrizo común), Typha angustifolia (espadana), Iris pseudacorus (espadana amarela), Juncus effusus (xunco) ou Lythrum salicaria (salgueiriño). En cada estanque aplicáronse técnicas específicas segundo as súas características (forma, material de construción, pendente das beiras, etc). Ata o momento os traballos desenvolvéronse nos seguintes estanques:

  • Estanque do Campus Vello (Ourense)
  • Estanque dos campos deportivos (Vigo)
  • Estanque do estacionamento de Telecomunicacións (Vigo).

Estanque do campus vello

Os traballos baseáronse no emprego de caixas vexetadas con plantas acuáticas. As caixas distribuíronse formando módulos de diversas formas polas beiras e polo centro do estanque. Ademais instalouse unha manta flotante con carrizo común na que unha femia de Lavanco (Anas platyrhynchos) criou nos últimos dous anos.

Estanque dos campus deportivos

Nas beiras empregáronse rolos vexetados e un recheo con grava, sedimento e compost. Na illa central do estanque ancoráronse mantas flotantes vexetadas para disimular as paredes de formigón e PVC.

Estanque do estacionamento de Telecomunicacións

Neste estanque substituiuse a gran superficie de PVC sobrante nas beiras por un saco de malla de fibra de coco recheo con terra vexetal, que posteriormente foi sementado con herbáceas. Ademais realizáronse uns pequenos recheos con terra vexetal para acadar unha beira mais irregular e natural, e plantáronse 105 unidades de plantas acuáticas para acelerar o proceso de colonización.