A Lagoa Areeira de Ourense

No campus sur de Ourense (Bamio) hai un pequeno espazo que comprende unha areeira abandonada e os seus arredores máis próximos.

Este espazo esténdese nunha superficie aproximada de 7.200m2. Posúe un alto valor ecolóxico, especialmente ao estar incluído dentro dun campus case completamente urbanizado.

Os valores máis salientables desta zona son:

1) Riqueza e singularidade ornitolóxica, aparecendo entre outras especies:

  • Cettia cetti, rousinol bravo (invernante e nidificante).

  • Riparia riparia, andoriña das barreiras (nidificante).

  • Anas platyrhynchos, lavanco (posible nidificante).

  • Sylvia melanocephala, papuxa cabecinegra (nidificante).

  • Turdus iliacus, tordo rubio (invernante).



2)Riqueza e singularidade florística:

  • Vexetación acuática (Typha latifolia, Typha angustifolia, etc.).

  • Un exemplar de gran tamaño de piñeiro manso (Pinus pinea).

  • Vexetación arbórea e arbustiva: abelairas (Corylus avellana), sebe de estripeiros. (Crataegus monogyna), salgueiros (Salix atrocinerea), etc.



3) Variedade de anfibios: pintafontes verde (Triturus marmoratus), sapiño comadrón (Alytes obstetricans), ra verde (Rana perezi), etc.

O feito de atoparse nos terreos do campus outórgalle un enorme potencial educativo e académico (espazo representativo das comunidades de fauna e flora de hábitats de zonas húmidas de auga doce).

Os traballos de recuperación desta zona húmida comezaron o 5 de xuño de 2001, Día Mundial do Medio Ambiente, cunha recollida de lixo, colocación de carteis de protección e plantación de 5 ameneiros (Alnus glutinosa).

A partir do ano 2005 acometéronse de cheo diversos traballos de protección e restauración desta zona, entre os que destacan os seguintes:

  • Instalación dun valado de protección arredor da lagoa e da parcela colindante.

  • Roza e limpezas de entullos e lixo.

  • Sementeira de herbáceas e plantación de árbores e arbustos: sobreiras (Quercus suber),

  • rebolos (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur), aciñeiras (Quercus ilex), érbedos (Arbutus unedo), abruñeiros (Prunus spinosa), estripeiros (Crataegus monogyna), lavandas (Lavandula stoechas) e carpaza (Cistus salviifolius)